O Concello de Bóveda cambia a cuberta da Casa da Cultura cunha achega da Xunta de máis de 51.000 euros

O Concello de Bóveda vén de iniciar os traballos para acometer o cambio de cuberta na Casa da Cultura, o que vai permitir ter unhas instalacións melloradas. A actuación suporá un investimento de 51.272 euros.
O alcalde de Bóveda, José Manuel Arias, e o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, asinaron un convenio de colaboración hai unha meses para a cobertura e reforzo estrutural do Centro Sociocultural do Concello de Bóveda en virtude do cal o departamento autonómico achega o 100% do custo das obras.

Está previsto que os traballos estean rematados nas vindeiras semanas.

Trátase, segundo figura no texto do convenio, “das actuacións necesarias” para que o Concello de Bóveda poida seguir ofrecendo unha programación cultural diversa e de calidade dirixida aos veciños e veciñas. José Manuel Arias recorda que se trata dun edificio que abriu as súas portas a finais dos anos 90 e que presentaba algunhas goteiras, polo que se trata dunha intervención “prioritaria” nun dos espazos públicos municipais máis empregados pola veciñanza.

O Centro Sociocultural de Bóveda é un espazo comunitario onde a maiores da programación cultural se levan a cabo talleres, cursos, actividades, no que está a Biblioteca Pública Municipal e tamén o PAI. “Os traballos na cuberta do edificio van permitir mellorar a calidade interior da edificación”, conclúe o rexedor.

Anterior ACTIVIDADES SOCIOCULTURAIS E DEPORTIVASCONCELLO DE BÓVEDA 2025/2026